Monday 06 de May de 2024

Animación, festa e premios aos mellores disfraces no Entroido de Cabanas


Haberá premios aos mellores disfraces nas categorías individuais (infantil, xuvenil e adulto) e colectivas

O Concello de Cabanas celebrará o Entroido cunha gran festa que terá lugar o luns 20 de febreiro á tarde diante da Casa do Concello, en colaboración coa Asociación de Veciños Cabanas – Irís.

A xornada iniciarase ás 17.00 horas coa festa infantil, que contará con animación para o desfrute das crianzas e tamén unha merenda. Pensando nos adultos, a partir das 21.00h haberá unha actuación musical e reparto de sobremesas para adultos.

Premiaranse os mellores disfraces nas categorías individuais e colectiva, valorando os criterios de orixinalidade, vestiario e maquillaxe. Na categoría individual seleccionaranse tres premios entre o público infantil (0 a 12 anos), tres na categoría xuvenil (13 – 17 anos) e outros tres na de adultos (desde os 18 anos). Os premios consistirán en vales de 75, 50 e 25 euros nas categorías individuais e 100, 75 e 50 € euros na colectiva, que se poderán consumir no comercio local, no marco do programa de promoción económica “Merca en Cabanas”.

Desde o Concello de Cabanas animan a veciñanza a sumarse ás celebracións do Entroido, logo de dous anos sen poder levar a cabo a festa polas restricións da COVID, e lembran que o martes de Entroido é festivo local.